Sunday 28 de April de 2024

A última filtración de Wikileaks revela quen encirrou a Hazteoir en 2014 contra o goberno local de San Sadurniño


A plataforma xornalística internacional Wikileaks sacou á luz onte mesmo máis de 17.000 documentos datados entre 2001 e 2017 relacionados coas orixes, a evolución e as relacións co poder da organización ultracatólica Hazteoir.org, fundada por Ignacio Arsuaga, e do seu brazo internacional, CitizenGo. A publicación, titulada “A Rede da intolerancia” descobre as estratexias utilizadas polo grupo de presión para influír na política e alentar o crecemento da ultradereita a través da creación dun clima constante de axitación social ao redor dos valores cristiáns ou, mellor dito, en contra de todo aquilo que puxese en dúbida as teses conservadoras e o concepto tradicional de familia. Desde o seu nacemento, Hazteoir.org fixo campaña en contra dos dereitos LGBTQI+, en contra do aborto e incluso en contra de todo o que puidese poñer en dúbida a autoridade moral da Igrexa Católica. E ás veces pasábase de freada, como ocorreu en 2014 co famoso episodio da retirada da estatua do Sagrado Corazón de Xesús dos xardíns municipais de San Sadurniño. Como se recordará, naquel momento o lobby cristián iniciou unha auténtica cruzada contra o Goberno Municipal polo que consideraban “unha profanación” e un trato “vexatorio” contra a imaxe. Hoxe, segundo se desprende dun dos documentos publicados por Wikileaks, sabemos algo máis sobre cal foi o detonante daquela campaña, na que se mesturan a partes iguais as fakenews e as desavinzas do crego de San Sadurniño daquel entón co executivo local.

O asunto arranca a principios de abril de 2014, durante a preparación das obras do edificio anexo ao pazo da marquesa para convertelo no que hoxe é o Centro Municipal de Empresas e a EIM A Rolada. Dous operarios desmontaron a figura en bronce do Sagrado Corazón de Xesús situada ao carón do inmoble para trasladala ao seu actual emprazamento no claustro do Convento do Rosario, en previsión de que puidera verse afectada polos traballos.

O Goberno local consensuara o cambio previamente cos responsables diocesanos, quen asumiron o traslado enviando para facelo o seu propio persoal, co obxectivo de que a estatua -réplica a escala da existente no madrileño Cerro de los Ángeles- se situase nun lugar máis axeitado e definitivo, posto que orixinalmente estaba ao pé do río Xubia e, posteriormente, a Congregación de Hijas de Cristo Rey decidiu reubicala nos xardíns.

Ata aquí todo ben, se non fose porque as imaxes da desmontaxe e transporte do cristo en dúas pezas foron interpretadas como unha “agresión” aos sentimentos e crenzas relixiosas e incluso un “ultraje a los creyentes”, tal e como asegurou na súa web Hazteoir.org baixo o antetítulo “odio anticristiano”, facéndose eco da plataforma maslibres.org creada polo propio lobby ultracatólico.

Ademais, crendo que o traslado fora cousa do Concello, na páxina cualificábase ao Grupo de Goberno como un conxunto de “milicianos del laicista BNG”, descritos como “militantes del anticlericalismo más feroz e intolerante” encabezado polo alcalde. A ligazón xa non está dispoñible, salvo no sitio Internet Archive, que permite recuperar case todo o publicado na rede, aínda que se desactivase.

A polémica estaba servida e nos días seguintes foi medrando coma unha bóla de neve nas redes e nos medios de comunicación, como parte dunha “alerta” de Hazteoir que incitaba a protestar por todos os medios contra a retirada da imaxe. E o chamamento deu resultado, con ducias de cartas dirixidas ao alcalde, ao Grupo Parlamentario do BNG, artigos en prensa e comentarios en redes sociais, como por exemplo este artigo aínda dispoñible na web da Fundación Francisco Franco ou o chío do líder e fundador de Hazteoir.org, Ignacio Arsuaga, quen non tivo reparos en amplificar a fakenews de “El BNG expulsa al Sagrado Corazón de Jesús en San Sadurniño (La Coruña)”.

O rebumbio estaba servido tamén a nivel local e, de feito, foi en San Sadurniño onde ao parecer se prendeu a mecha. Iso é o que se asegura nun dos documentos publicados onte por Wikileaks. Buceando nos 17.000 arquivos difundidos polo colectivo xornalístico internacional aparece unha carta do 15 xuño de 2014 asinada polo portavoz de maslibres.org en resposta a outra enviada previamente por un veciño da Coruña que lle escribira á organización ultraconservadora para desmentir o que estaban publicando.

Para daquela o Concello xa aclarara publicamente o bulo e incluso o Bispado emitira un comunicado oficial no mesmo sentido, precisando que foran os servizos técnicos diocesanos quen desmontaran e trasladaran a figura, xunto cun agradecemento polas “facilidades” que dera o consistorio “para que o Sagrado Corazón de Xesús reciba o culto reverente dos fieis desta parroquia”. Ademais, segundo relata o portavoz de HazteOir no escrito, “una hermana Hija de Cristo Rey” tamén se tería dirixido á organización para facerlle saber “que el contenido de la alerta era incorrecto y que la imagen había sido trasladada a su convento […] por operarios contratados por la Diócesis, no por el ayuntamiento”.

Na carta publicada por Wikileaks -tan só unha anécdota entre tantos arquivos como se fixeron públicos onte con asuntos ben máis relevantes- o portavoz da plataforma tamén estaría recoñecendo o “erro” de publicar información sen contrastala antes e lamentando “la pérdida de credibilidad que este triste hecho haya podido causar a la imagen de maslibres.org y HazteOir”. A misiva tamén recolle a “rectificación” da alerta lanzada o 21 de maio, aínda que o ruxerruxe publicado días antes xa correra coma a pólvora.

Porén, un dos principais valores da carta é o de deitar luz sobre como se tería desencadeado semellante follón. E é que, segundo o texto do documento reproducido por Wikileaks, foi o párroco de San Sadurniño naquel momento (o posto ocupábao Franciso Javier Martínez) “quien nos llamó para comunicarnos que unos operarios contratados por el Ayuntamiento de San Sadurniño (BNG) habían retirado sin consentimiento la imagen del Sagrado Corazón de Jesús. El propio párroco nos llamó para pedirnos ayuda, y puesto que era el párroco, no contrastamos más la información”. “Actuamos con toda nuestra buena fe y, dado que la denuncia provenía del párroco del municipio, nos fiamos ciegamente y no contrastamos la información. Ya hemos aprendido del error y, a partir de ahora, contrastaremos siempre la información y los testimonios”.

O contido da carta feita pública onte entre os 17.000 documentos de Wikileaks, vén confirmar a sospeita que tiña desde aquela o Goberno Local de que a “alerta” de HazteOir se orixinara ben preto do Concello “posiblemente alimentada polas relacións non demasiado fluídas que había desde había algún tempo con quen era párroco de San Sadurniño naquel momento, aínda que coa Diocese sempre tivemos unhas relacións moi cordiais e de colaboración”, comenta Secundino García.

Sete anos despois daquel episodio “que foi un tanto desagradable”, o alcalde de San Sadurniño recórdao quitándolle ferro como “unha anécdota que vista agora incluso recorda aquelas comedias italianas do crego Don Camilo sempre enfrontado ao alcalde comunista Peppone. Pero o rebumbio que se armou foi grande”.

García tamén ve como anecdótico que San Sadurniño figure nos documentos de Wikileaks por aquel asunto: “que se mencione o caso nesa web non deixa de ser unha curiosidade que nós tomamos como algo sen maior trascendencia. O único relevante é que gracias á publicación temos constancia, sete anos despois, de como naceu aquel enredo. É só unha carta de dous folios no medio de miles de documentos entre os que si hai algúns de grande importancia que nos mostran como o ultraconservadurismo organizado axuda a crear estados de opinión que favorecen o ascenso da extrema dereita”.